Thursday 28 de March de 2024

A arte local enche a galería do Concello de San Sadurniño


A mostra está composta maioritariamente por obras de autoras locais, pero tamén podemos ver algúns dos cadros que nos deixou Xosé Meizoso, cedidos para a exposición por varias familias de San Sadurniño.

“Pingas de cores” pode visitarse ata o 13 de agosto nos horarios de atención ao público da Casa do Concello.

A Concellaría de Cultura lembra, por outra banda, que ata o 1 de agosto está aberto o prazo de recepción de fotografías para a exposición que se inaugurará o 19 con motivo do Día Mundial da Fotografía. O tema elixido nesta edición son as festas e romarías que se celebraban ou aínda se celebran no noso territorio. Entre as persoas participantes sortearanse varios agasallos.

A Concellaría de Cultura de San Sadurniño reserva datas todos os anos para expoñer distintos exemplos da creación local. Tallas en madeira, manualidades, metal… todo ten cabida na galería do primeiro andar do Concello, espazo ideal para lucir a arte pola súa luminosidade e por ser lugar polo que pasan ducias de persoas todas as mañás. Nesta ocasión tócalle á pintura, por medio da mostra “Pingas de cores” que exhibe 26 cadros de artistas de distintos lugares de San Sadurniño. Na súa maioría son óleos sobre lenzo ou táboa que poderemos admirar nos horarios de apertura das oficinas municipais até o próximo 13 de agosto. Tan só uns días despois, o 19, inaugurarase unha exposición fotográfica sobre as festas de antano que se montará coas imaxes achegadas pola veciñanza ata o próximo día 1.

O fío condutor das obras é precisamente a orixe das súas autoras -practicamente todas mulleres de San Sadurniño-, posto que os temas tratados son todos distintos e mesmo é imposible encaixar os cadros nun mesmo estilo ou corrente. Hai de todo: bodegóns, arte abstracta, arte urbana, pintura figurativa, paisaxes, etc., resultado da mirada de máis dunha vintena de persoas afeccionadas a expresárense cos pinceis.

Felicitas Rañales, Cruz Piñón, Alicia Aneiros, Noa Facal, Mari Carmen González, Elena López, Belucha Tuimil, Carmen Bouza, Marina Díaz, Catalina Rodríguez, Montse Fernández, Cristina Calvo, Marina Prieto, Maruxa do Zoqueiro, Mercedes Hermida, Xela Barro, Rosalía Íñiguez, Marián Arroyo, Vera Fernández, Ana Lamas, Natalia Pérez, Paula Rañal e Elena Romero dan boa conta da súa arte nunha exposición compartida coa obra do desaparecido Xosé Meizoso.

Meizoso, natural de Anca pero afincado en San Sadurniño, deixou pintados en óleo e primorosas acuarelas numerosos recunchos do noso territorio. Parte deles podemos admiralos xuntos por primeira vez gracias ás veciñas e veciños que cederon as obras para esta exposición.

“Pingas de cores” -título elixido por Cultura para a mostra- poderá visitarse até o 13 de agosto nos horarios de atención ao público da Casa do Concello.

19 de agosto, Día da Fotografía
A exposición na galería municipal solaparase no tempo coa convocatoria dunha nova acción colaborativa con motivo do Día Mundial da Fotografía, que se celebra o 19 de agosto. Cultura volve aproveitar como escusa esa data para continuar recuperando instantáneas do noso pasado. Este ano tócalle as fotografías das festas e romarías de antano -ou ás actuais- coas que se abrirá unha exposición na galería municipal coincidindo co día internacional.

Trátase dunha actividade aberta a persoas maiores de 7 anos con empadroamento en San Sadurniño na que se pode participar en dous apartados: foto antiga en branco e negro ou foto actual en cor, que han de estar tomadas obrigatoriamente no noso concello para poder entrar na mostra e optar aos agasallos.

As fotos hai que entregalas na Casa da Cultura antes do 1 de agosto imprimidas en formato DIN A4 e acompañadas dunha descrición onde figure a data da imaxe, o lugar e a parroquia. Entre todas as imaxes aceptadas no apartado de branco e negro sortearase unha táblet e dous vales de 50€ para gastar en establecementos locais. No apartado de cor sortearase unha impresora e outros dous vales de 50€.

Recordatorio: Ruta histórica e turística entre o castelo de Naraío e o de Moeche

Este venres 22 a partir das 16:00h desenvolverase unha ruta guiada entre os castelos de Naraío e Moeche, dúas fortalezas que pola súa proximidade e polo seu pasado común conforman un conxunto único para dar a coñecer o medievo galego, ademais de seren enclaves fundamentais para entender as Revolucións Irmandiñas do século XV.

O percorrido comezará en Naraío e irá vindo até Moeche -cadaquén no seu propio vehículo- facendo distintas paradas en localizacións destacadas polo seu valor patrimonial e histórico.

A actividade, na que colabora o Concello de San Sadurniño, está coordinada polo Concello de Moeche a través da súa Oficina de Turismo. A ruta é gratuíta e require inscrición previa chamando ao 981 404 006, mandando un correo a turismo@moeche.gal ou cubrindo este formulario en liña.